O alcalde José Cela e a Tenente de Alcalde Norma María Búa, desprazáronse ás instalacións do auditorio municipal do Concello de Valga para asistir á inauguración do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia V, que promoven conxuntamente os Concellos de Valga e Moraña.
A inauguración correu a cargo da delegada territorial da Xunta de Galicia, Luisa Piñeiro, acompañada polos alcaldes José Maria Bello Maneiro e José Cela Camiño, o director do obradoiro Javier Saso ademais de concelleiras de Valga e Moraña.A quinta edición do obradoiro, de 9 meses de duración, formará a vinte alumnos, nas especialidades de carpintería e forestal, dos cales dez pertencen ao Concello de Moraña e outros tantos ao Concello de Valga.
Este obradoiro ten como obxetivo formar ao alumnado para que acade un certificado profesional ao remate do mesmo que acredite os coñecementos nas especialidades e lles permita acceder ao mercado laboral, que nestes momentos ten demanda deste tipo de profesionais.
A formación consta dun período de clases teóricas e outro máis longo de clases prácticas no que adquirirán a destreza necesaria que os capacite para a inserción no mundo laboral.
Ao longo do período das prácticas no Concello de Moraña, o módulo de forestais ten previsto a realización da senda peonil que discurre a carón do río Gundeiro ata os muíños das Laxes, ademais de podas de parques e carballeiras.
O módulo de Carpintería realizará tarefas de mantemento e construción de cubrecontedores, maceteiros na carballeira de Santa Lucía ademais de mobiliario para oficiña, entre outros.
Na inauguración, o alcalde de Moraña pediulle aos alumnos implicación e esforzo para sacar proveito deste período formativo, no que ademais tamén teñen unha remuneración económica mensual grazas á aportación económica de 346.946 € por parte da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia, sen a cal non podería levarse a cabo.
O Concello de Moraña, xunto co Concello de Valga, ten nestes momentos dous Obradoiros de Emprego que forman en total a 36 alumnos e seguirá apostando por este modelo para os anos vindeiros.
Síguenos en las Redes Sociales