Buscar...

Festas Relixiosas

Romaría da Virxe dos Milagros
Romaría que se celebra no lugar da Chan, na parroquia de Amil o primeiro domingo despois do 8 de setembro. É unha das romarías máis importantes de Galicia, cuxa celebración se remonta ao s. XVIII. Miles de devotos enchen a capela en honor á virxe, a onde acoden para cumprir a promesa feita á virxe ou simplemente gozar da festa. A orixe desta romaría data do último cuarto do s. XVIII, cando o labrador e arrieiro D. Sebastián de Castro, ante a dificultade de obter a auga no lugar onde vivía para manter os seus animais e a familia, optou por cavar unha pequena mina nas inmediacións do seu fogar e imploroulle á virxe a necesidade de atopar a auga tan desexada. A virxe cumpriulle este desexo, pois comezou a abrollar auga en abundancia, e este en xesto de agradecemento mandou realizar unha imaxe da virxe en pedra duns 80 cm de altura e datada en 1778 que denominou dos milagres. Rapidamente, extendeuse o milagre por toda a comarca, de aí a peregrinaxe de milleiros de persoas que obrigou a construción dunha nova capela no lugar da Chan (inaugurada en 1892) e que realizou Manuel García Martínez, canteiro do lugar, cun estilo neoclásico e antecedida por unha escalinata construída a mediados do s. XX que lle dan gran maxestuosidade ao conxunto. Un dos actos principais desta romaría é a procesión da virxe arredor da capela entre milleiros de persoas que a implora e se lle ofrece con ritos, como percorrer o perímetro exterior da capela axeonllados, como agradecemento dos favores concedidos, ir con candeas, ou o xa en desuso costume de portar os ofrecidos en mortallas e dentro de cadaleitos. A devoción é enorme e as xentes arremuíñanse para intentar tocar o manto da Virxe, onde prenden papel moeda como agradecemento ao cumprimento de pregarias ou ofrecementos. Pero xunto a estas mostras de gran devoción relixiosa, tamén dentro da multitude que se achega ao lugar da Chan, hainos que veñen a gozar da festa, que paralelamente se desenvolve na carballeira anexa á capela.

Romaría de Santa Xusta
Festa relixiosa que se celebra na parroquia de Santa Xusta o 19 de xullo. Miles de visitantes veñen cada ano a esta romaría, a beber a auga milagreira da fonte (s. XVI) como remedio para as dores e doenzas do corpo e os males do espírito. Esta auga tivo gran fama na década de 1930, da que se chegou inclusive a comercializar como xabón, pero como a súa procedencia foi considerada perigosa polas autoridades foi ordenado cortar o subministro do manancial. Tamén é famosa a súa igrexa por que parece ser que o párroco sandaba aos endemoniados e os males de ollo, de aí a existencia de toda unha serie de lendas ao respecto. É tradición que ao asistir a esta romaría se teñen que practicar os tres ritos, é dicir, facer un nó coa man esquerda nas follas do millo, asistir a unha misa e beber auga da fonte, se se quere remediar os males. Como tantas outras celebracións relixiosas e populares, ao chegar a noite celébrase unha verbena con música e baile baixo a espléndida carballeira que existe no lugar e pegada á igrexa.

Festa do Glorioso San Roque
Festa que se celebra na parroquia de San Martiño de Laxe o 16 de agosto. Segundo a documentación pódese remontar a finais do século XVI e comezos do XVII. Oito días antes do 16 comeza a celebración solemne dunha novena. A misa comeza coa saída a ombros da imaxe do santo desde a igrexa ata o cruceiro do lugar de Penagrande. Chegado o día da solemnidade do santo ábrense os festexos co tradicional repenique de campás unha hora antes da primeira misa de 6.30 da mañá e despois comeza a procesión co santo polos distintos lugares da parroquia. Conta a tradición que se facía para que o santo os protexera das pestes e epidemias. A saída da imaxe da igrexa, vai acompañada doutras imaxes que o seguen na súa peregrinación como as imaxes de San Blas, a Virxe da Candelaria, a Virxe do Carme, a Virxe do Rosario e San Antonio. Desde a saída da igrexa, o repenique de campás non cesa, tampouco o acompañamento da música dos gaiteiros, o rezo e o canto na chegada a cada cruceiro da parroquia. Ao rematar a peregrinaxe da procesión, á entrada da Casa Reitoral, alí espera a imaxe de San Antonio para saír ao encontro de San Roque e acompañalo ata a chegada á igrexa. Coa chegada do santo, párase o repenique de campás e comézanse os oficios relixiosos. Pola noite celébrase unha verbena para goce de veciños e veciñas e visitantes.

Outras Festas

XANEIRO OS DOLORES SOAR – MORAÑA
ENTRE 9 E 15 DE FEBREIRO SANTA APOLONIA GARGANTÁNS
29 XUÑO S. PEDRO REBÓN
11 XULLO S. BIEITO CUBELO – SAIÁNS
20 XULLO STA. MARGARITA STA. MARGARITA – SAIÁNS
6 AGOSTO
DIVINO SALVADOR
SAIANS
7 AGOSTO
S. RAMÓN
BAROSELA
8 AGOSTO
S. ROQUE
ALBERGUERÍA
10 AGOSTO SAN LOURENZO CORRIGATOS – SAIÁNS
9 AGOSTO
S. ESTANISLAO
SABADÍN – SAIÁNS
2º DOMINGO DE AGOSTO CAMPO DE LEBON CORRIGATOS
SETEMBRO
(1º domingo despois dos Milagros)
VIRXE DA GUADALUPE A CHAN – AMIL
17 SETEMBRO S. ANTONIO SOUTO
ÚLTIMO DOMINGO DE OUTUBRO FATIMA REBÓN
13 DECEMBRO STA. LUCIA BUELO – SAIÁNS
Accesibilidad